martes, 9 de noviembre de 2010

A Biblioteca Municipal alberga unha nova sesión de A Hora do Conto para promover a lectura na infancia


·               @s nen@s teñen este mércores, ás seis da tarde, unha cita con A Viaxe Espacial dos Ratos da Biblioteca



Ferrol, 09 de novembro de 2010.-  

Os nenos e nenas de Ferrol teñen este mércores, a partires das seis da tarde, unha nova cita na Biblioteca Municipal con A Viaxe Espacial dos Ratos da Biblioteca, a cargo de Trinke-Trinke, compañía que os levará a adentrarse no tan apaixoante mundo da literatura infantil. Así, a concelleira de Cultura e Educación, Mercedes Carbajales, explicaba esta mañá que a actividade, posta en marcha o pasado mes con carácter gratuíto, está dirixida de maneira especial a aqueles pequenos con idades comprendidas entre os catro e os dez anos.

Xa polo miúdo, a responsable das políticas culturais e educativas do Concello sinalou que a hora de inicio está programada para as seis do serán, cunha duración aproximada de 45 minutos. E, ao fío, destacou que esta atractiva proposta, que se leva a cabo na Sala Infantil da Biblioteca, ten como finalidade “inculcar o amor polos libros dende a máis tenra infancia”, en palabras de Mercedes Carbajales. Isto é, fomentar o hábito da lectura a idades temprás, así como tamén a creatividade e a imaxinación. Un aspecto, sen dúbida, de enorme importancia para o denvolvemento intelectual e emocional dos nenos e nenas.

Doutra banda, a edil apuntou que as sesións de contacontos se enmarcan dentro da programación cultural das instalacións da praza de España para 2010, e se celebran todos os mércores, sempre coa colaboración de prestixiosos contacontos. Neste caso, da compañía Trinke-Trinke. Finalmente, Mercedes Carbajales destacou a aposta do Concello de Ferrol por ofrecer ás familias ferrolás unha alternativa cultural cunha compoñente educativa e tamén lúdica, e animou aos pais e nais a achegar aos seus fillos a esta interesante actividade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario