lunes, 13 de junio de 2022

RESPIRO FAMILIAR EN ASTURIES

Despois de pasar tanto tempo limitados pola pandemia, este ano decidimos levar os Respiros Familiares un pouco mais lonxe, asi que na primeira fin de semana de xuño fomos respirar a Lamuño, Asturies. Collimos as maletas e co bon saber de Mar organizáronse unhas xornadas marabillosas.
Un día mentres as familias “respiraban” e aproveitaban para coñecer Lamuño, un grupo de voluntarias estaban pendentes da rapazada que gozaban como verdadeiros cowboys nun paseo a cabalo por uns lugares espectaculares.
No seguinte dia a Asociación APTAA de Asturies, tíñanos preparada unha estupenda xornada de deportes adaptados para que o pasaramos ben no entanto os pais e nais facían turismo: basquet en cadeira de rodas, bicis adaptadas, tiro con arco, e até competición de tiracroios con garavanzos!
Quedáchedes con ganas de ver mais fotos? Non tedes mais que acceder ao noso Facebook e agora tamén no noso Instagram.

DISCRIMINA, QUE ALGO QUEDA!

Desde ASPANEMI queremos mostrar a nosa indignación co acontecido a unha das nosas socias en relación cos Campamentos de Verán organizados polo Concello de Narón. O pasado día 8 de xuño unha das nosas socias quixo apuntar ao seu neno de 8 anos nos campamentos urbanos que se organizan no Pazo da Cultura. No proceso de inscrición alegou que o rapaz tiña diversidade funcional e foi informada de que non posuían persoal abondo para lle dar o apoio suficiente para realizar as actividades en igualdade co resto.
Obviamente esa nai non puido apuntar ao seu fillo e non se lle deu alternativa ningunha. Como é posíbel que nestes tempos nos que a moitas institucións se lles enche a boca co politicamente correcto, co apoio á diversidade, co igualitarismo... un pequerrecho quedase sen a súa praza nun campamento porque o goberno municipal do concello de Narón non tivese presente a posibilidade real e o dereito que asiste a un neno con diversidade de acceder en igualdade cos seus compañeiros e compañeiras? O feito de que este rapaz non teña as mesmas oportunidades é un fracaso deste goberno municipal. Dicimos mais: o feito de que este rapaz non poda asistir a ese campamento é un fracaso de toda a sociedade, por non falar de que se está a saltar todo tivo de normativas que amparan os dereitos deste neno. Quizais aínda estea a Goberno Municipal do Concello de Narón a tempo de pintar o sorriso de novo nese rapaz, mais sobre todo, aínda está a tempo de facer algo para o que non se precisa unha variña máxica, chámase XUSTIZA.