viernes, 28 de febrero de 2014

DÍA MUNDIAL DAS ENFERMIDADES RARAS



CELEBRACIÓN  DO  DÍA  MUNDIAL  DAS  ENFERMIDADES  RARAS




     Lembramos desde a asociación que hoxe, día 28 de febreiro, commemórase o Día Mundial das Enfermidades Raras e que tres millóns de españois, entre un 6 e un 8% da poboación mundial, sofren algunha enfermidade rara, das cales, máis dun 50% acompáñanse de síntomas neurolóxicos.

     Existen arredor de 7.000 enfermidades raras distintas (considéranse así as que afectan a menos de 5 de cada 10.000 persoas na Unión Europea), sendo a maior parte delas crónicas, dexenerativas e de orixe xenética.

     Potenciar e contribuír á investigación deste tipo de enfermidades e a súa traslación á práctica clínica é un obxectivo prioritario da SEN (Sociedade Española de Neuroloxía), que tamén recoñece que hai que mellorar os servizos que se fan imprescindibles para moitas das familias que sofren estas dolenzas nos seus fogares: rehabilitación, logopedia, fisioterapia, centros de día,...


jueves, 27 de febrero de 2014

ACTIVIDADE EN MARZO



ESCOLA  DE  PAIS -  MARZO

       Por mor da festividade en Narón do Mércores de Cinza o vindeiro día 5 de marzo, a actividade da Escola de Pais vaise pospoñer ata o seguinte mércores, día 12, no seu habitual horario de 20 a 22h.

       Agardamos que moitos de vós participedes nesta xuntanza!






miércoles, 26 de febrero de 2014

PROPOSTA DE EXCURSIÓN



EXCURSIÓN  A  ALLARIZ

    Desde a asociación vos queremos propoñer a posibilidade de realizar unha excursión a Allariz o fin de semana do 31 de maio e 1 de xuño.

    A saída sería o sábado, 31 de maio, ás 9-10 da mañá, para chegar un pouco antes do xantar ao Albergue da Fundación Ramón González Ferreiro, en Paciños, a 4 km de Allariz.


    Pola tarde, visitaríamos o Centro de Educación Ambiental do Rexo, nos arredores do albergue, onde, ademais de coñecer iniciativas de desenvolvemento rural que axudan a preservar o medio natural, veríamos como se fai o queixo do Rexo, o único de Galicia a base de leite de ovella latxa.


     Logo, máis á hora da merenda, os nenos/as da asociación poderían quedar no albergue realizando unha actividade con monitores, mentres os maiores disfrutarían dun tempo libre. Despois, cea e aloxamento no albergue.

    Para a mañá do domingo, pensamos, logo do almorzo, facer unha visita guiada á Asociación Andrea, a uns 7 km do albergue. Dita asociación é un Centro de Terapia Asistida con Animais, en concreto burriños, para persoas en desventaxa física, psíquica ou social, onde poderemos levar a cabo diferentes actividades a cargo do equipo especializado.

                                   

    Despois da visita, volta ao albergue para xantar e, arredor das 17 da tarde, saída cara a Ferrol, aínda que tamén podería facerse unha parada para ver e pasear polo Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

    O coste aproximado por persoa, con todo incluído, sería duns 50€, aínda que o prezo pode variar segundo sexa o número de participantes. Por esixencias do albergue, a excursión só podería facerse se hai un mínimo de 20 persoas, así que necesitamos saber o antes posible cantos de vós estaríades interesados en levala a cabo. Por iso, agradeceríamos que vos poñedes en contacto coa asociación para saber a vosa opinión. Lembrámosvos o número de teléfono: 981. 94 63 19.

    Esperamos que esta proposta sexa do voso interese. 





PELUQUERÍA ADAPTADA



BELEZA  PARA  TODOS

        Desde a asociación informámosvos de que na Peluquería Unisex LUNA,
ubicada na Avenida de Castelao 23, baixo (enfronte ao Mercado de Caranza),
dispoñen dun lavacabezas adaptado e accesible para as persoas con discapacidade ou necesidades especiais.

        Para máis información, podedes chamar ao número de teléfono:
        648. 140 748.

        Agardamos que esta información vos sexa de utilidade.




CAMPAÑA ALBA "LA PROMESA"



NECESITAMOS  MANS!





     Como xa sabedes todos vós, a nosa asociación está a colaborar coa campaña solidaria de recollida de tapóns ALBA "LA PROMESA", para que Alba, unha nena da nosa comarca, poida levar a cabo o tratamento que necesita para mellorar da súa enfermidade e na súa calidade de vida.

      Grazas á gran toma de conciencia  e colaboración que tedes con esta causa, estanse xuntando moitísimos tapóns, pero necesitamos un pouquiño máis da vosa axuda para escollelos e podelos enviar canto antes á planta recolectora. 

       Por iso, as persoas que o desexen e poidan participar nesta actividade (haberá que desprazarse á rúa Río Ulla, 7, no Feal, en Narón), pódense apuntar para levala a cabo as tardes dos luns, mércores e venres, chamando previamente ao teléfono da asociación 981.946319 para que nós nos poidamos poñer en contacto e avisar da vosa participación á persoa encargada. 

     Moitas grazas!




ACTIVIDADE PARA O SÁBADO



OBRABOIRO  DE  PINTURA

     O vindeiro sábado, día 1 de marzo, vai ter lugar o obradoiro de pintura para todos os nenos e nenas que queiran asistir e pasar unha tarde diferente connosco.

   A actividade levarase a cabo cun horario de 17 a 20 da tarde e realizarémola nos baixos do Local Social da Solaina. Este mes terá que ver coas festas que estanse a piques de celebrar: O entroido!

      Despois de tanto traballo, descansaremos e pasarémolo moi ben merendando todos xuntos. Será xenial!







viernes, 7 de febrero de 2014

SAÍDA Á NEVE MARZO 2014 - ESQUÍ ADAPTADO





SAÍDA Á NEVE DE XANEIRO


SAÍDA  DE  XANEIRO  Á  NEVE  -  FOTOS

    Como xa sabedes, o pasado mes de xaneiro, a asociación organizou unha saída á neve para que todos nós pidésemos disfrutar de pasar un tempo xuntos en contacto coa montaña e o deporte, realizando unha actividade plenamente inclusiva cos nosos nenos/as que puideron practicar o esquí adaptado.

    Aquí tedes unhas fotos da experiencia.

   Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que hai otra saída programada para os próximos 21, 22 e 23 de marzo. Animádevos a participar! 













jueves, 6 de febrero de 2014

NOVA DATA PARA A ESCOLA DE PAIS



ESCOLA DE PAIS - FEBREIRO

     Informamos aos/ás socios/as da nosa entidade que a actividade de Escola de Pais que ía celebrarse onte, día 5 de febreiro, tivo que ser aprazada por motivos alleos a nosa vontade.

     Emprazámosvos entón para levar a cabo dita actividade o próximo mércores, día 12 de febreiro, de 20 a 22 horas, no local da asociación. Pensade que destas xuntanzas todos nós podemos saír moi beneficiados.



DEPORTE ADAPTADO


II  PROGRAMA  DE  DEPORTE  ADAPTADO-INCLUSIVO

     Dende COGAMI, chégannos máis novas ao respecto do II Programa de Deporte Adaptado-Inclusivo organizado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación Provincial de A Coruña.

Modalidades deportivas a impartir, ubicación e horarios (previsión)
- Baloncesto en cadeira de rodas: 8 prazas. Pavillón Polideportivo do    Ensanche (R/ Río Xuvia, Ferrol). Xoves, de 20.00 a 21.30 horas.
-  Boccia: 12 prazas. Centro Público Integrado do Feal (R/ Río Seco, O Feal, Narón). Venres, de 16.30 a 18.00 horas.
-  Tenis en cadeira de rodas: 8 prazas. Pavillón Polideportivo de Ares (R/ Celso Emilio Ferreiro, Ares). Un día á semana, hora e media.
- Baile adaptado: 12 prazas. Local Social Santa Icía (R/ Mercedes Freire Lago, Narón). Luns, de 17.15 a 18.15 horas.
A realización das actividades está condicionada á existencia de suficiente demanda. Os horarios e lugares definitivos poden variar

Duración do programa (previsión)
     A partir de febreiro, cunha duración de 2-3 meses, á espera de poder ser ampliados.

Requisitos dos participantes
- Estar empadroado nalgún dos municipios que conforman a Mancomunidade (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, Valdoviño).
-   Ter máis de 9 anos no momento de formalizar a matrícula.
     As prazas dispoñibles outorgaranse preferentemente ás persoas con necesidades de adaptación deportiva. No caso que queden prazas vacantes,poderán ser ocupadas por persoas empadroadas noutros municipios que non pertenzan á Mancomunidade, sen poder ser beneficiarios do transporte adaptado.
     A participación é gratuita, aínda que naquelas actividades que requiran licencia federativa, o participante deberá posuíla antes do seu inicio.

Ponse a disposición dos usuarios/as un servizo gratuíto de transporte adaptado


Remate prazo prematrícula: 7 de febreiro. Máis información: 981944000

miércoles, 5 de febrero de 2014

INFORMACIÓN TEA



    INFORMACIÓN  TEA

     Dende Algalia chéganos información sobre un proxecto orientado a promover a Calidade de Vida de persoas que presentan Trastornos do Aspectro do Autismo (TEA).
         
         
        Para máis información podes pinchar no seguinte enlace

martes, 4 de febrero de 2014

ACTIVIDADE DO MÉRCORES




ESCOLA  DE  PAIS

      Este mércores, día 5 de febreiro, vai ter lugar a primeira escola de pais do ano. Será no local da asociación, cun horario de 20 a 22 horas.

      Se queredes participar, xa sabedes. Pode ser unha boa experiencia para todos nós.



lunes, 3 de febrero de 2014

OBRADOIRO DE PINTURA



MURAL  DO  INVERNO

       Este derradeiro sábado, día 1 de febreiro, tivo lugar o primeiro obradoiro de pintura do ano.

        Nesta ocasión, os nenos e nenas participantes fixeron un mural baixo a temática "O Inverno".

        A experiencia resultou moi gratificante e todos eles pasárono moi ben e, ao remate da actividade houbo unha boa merenda para os nosos xóvenes artistas.





          

COCHE ADAPTADO EN VENTA



COCHE ADAPTADO EN VENTA

          Chegou á dirección de correo electrónico da nosa entidade un anuncio de venta dun coche adaptado. Facémonos eco desta noticia por si puidese interesar a alguén.
           
           Se queredes máis información, pregamos que vos poñedes en contacto coa Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas, ou ben chamando ao número de teléfono 981 93 05 44.