lunes, 13 de junio de 2022

RESPIRO FAMILIAR EN ASTURIES

Despois de pasar tanto tempo limitados pola pandemia, este ano decidimos levar os Respiros Familiares un pouco mais lonxe, asi que na primeira fin de semana de xuño fomos respirar a Lamuño, Asturies. Collimos as maletas e co bon saber de Mar organizáronse unhas xornadas marabillosas.
Un día mentres as familias “respiraban” e aproveitaban para coñecer Lamuño, un grupo de voluntarias estaban pendentes da rapazada que gozaban como verdadeiros cowboys nun paseo a cabalo por uns lugares espectaculares.
No seguinte dia a Asociación APTAA de Asturies, tíñanos preparada unha estupenda xornada de deportes adaptados para que o pasaramos ben no entanto os pais e nais facían turismo: basquet en cadeira de rodas, bicis adaptadas, tiro con arco, e até competición de tiracroios con garavanzos!
Quedáchedes con ganas de ver mais fotos? Non tedes mais que acceder ao noso Facebook e agora tamén no noso Instagram.

DISCRIMINA, QUE ALGO QUEDA!

Desde ASPANEMI queremos mostrar a nosa indignación co acontecido a unha das nosas socias en relación cos Campamentos de Verán organizados polo Concello de Narón. O pasado día 8 de xuño unha das nosas socias quixo apuntar ao seu neno de 8 anos nos campamentos urbanos que se organizan no Pazo da Cultura. No proceso de inscrición alegou que o rapaz tiña diversidade funcional e foi informada de que non posuían persoal abondo para lle dar o apoio suficiente para realizar as actividades en igualdade co resto.
Obviamente esa nai non puido apuntar ao seu fillo e non se lle deu alternativa ningunha. Como é posíbel que nestes tempos nos que a moitas institucións se lles enche a boca co politicamente correcto, co apoio á diversidade, co igualitarismo... un pequerrecho quedase sen a súa praza nun campamento porque o goberno municipal do concello de Narón non tivese presente a posibilidade real e o dereito que asiste a un neno con diversidade de acceder en igualdade cos seus compañeiros e compañeiras? O feito de que este rapaz non teña as mesmas oportunidades é un fracaso deste goberno municipal. Dicimos mais: o feito de que este rapaz non poda asistir a ese campamento é un fracaso de toda a sociedade, por non falar de que se está a saltar todo tivo de normativas que amparan os dereitos deste neno. Quizais aínda estea a Goberno Municipal do Concello de Narón a tempo de pintar o sorriso de novo nese rapaz, mais sobre todo, aínda está a tempo de facer algo para o que non se precisa unha variña máxica, chámase XUSTIZA.

viernes, 8 de abril de 2022

CAMPAÑA X SOLIDARIO 2022

Manifesto Emerxencia Solidaria
Hoxe, 8 de abril, as federacións e redes que representamos ao Terceiro Sector galego na loita contra a pobreza e a exclusión social queremos facer unha chamada á sociedade para que, na súa Declaración da Renda marque o recadro do X Solidario, de Actividades de Interese Social. Este non é un acto nin unha campaña máis. É un chamamento de auxilio para que a posible menor recadación do Imposto da Renda pola crise económica non poña en perigo a supervivencia de programas e organizacións e que agrave a emerxencia sanitaria e social que estamos a padecer. Máis que nunca, é necesario contribuír ao funcionamento das entidades que defendemos os dereitos da cidadanía. Somos un servizo esencial que está na primeira liña loitando contra os catastróficos efectos da pandemia polo COVID-19 e as actuais consecuencias económicas da crise mundial.
Facendo un X solidario na Praza de Ferrol xunto con outras compañeiras de outras asociacións

sábado, 2 de abril de 2022

2 DE ABRIL DIA MUNDIAL DA CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO

Sabías que:
Aínda que a cor azul e o debuxo do quebracabezas están moi estendidos en referencia á simboloxía do Autismo, hai movimentos dentro de persoas con autismo que critican tais simboloxías alegando que símbolo do quebracabeza foi creado pola Autism Speaks en 1963, e ven representar a complexidade do autismo frente á medicina. Entretanto, algúns preferen o símbolo do infinito, por representar a neurodiversidade.
De todos xeitos no que está todo o mundo de acordo é que todxs somos diferentes, todxs somos iguais.

miércoles, 23 de marzo de 2022

CAMPAÑA ESTATAL POLA INCLUSIÓN INFANTIL DOS NENOS E NENAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL



ASPANEMI pide máis apoios para as nenas e nenos con discapacidade.

• A entidade reclama aos poderes públicos garantir o desenvolvemento persoal e futuro profesional dos mais de 100.000 nenos e nenas con discapacidade que hai no Estado Español.

• As catro chaves para o desenvolvemento da infancia son discapacidade en igualdade de condicións son diagnóstico precoz e atención temperá; apoios para a autonomía; acceso e dispoñibilidade de recursos, incluído o medio rural, e educación inclusiva de calidade.

• Os nenos e nenas con discapacidade requiren servizos, terapias, tratamentos e se relacionaren con iguais para conseguir a maior cota de autonomía persoal

É básico o apoio a estes rapaces e rapazas nos primeiros anos de vida pois é cando se adquiren habilidades tan importantes como aprender a camiñar ou a se comunicar. Por iso é imprescindíbel proporcionar nesa xeira da infancia con discapacidade, unha atención temperá especializada e de calidade que inclúa terapias e tratamentos multidisciplinares. O acceso a estes tratamentos incide na autonomía e autoestima dos nenos e nenas con discapacidade; ademais, son indispensábeis para que desenvolvan todo o seu potencial, o que facilitará a sua posterior inclusión e trato igualitario na sociedade.

lunes, 7 de marzo de 2022

8 de marzo día internacional da Muller

Os coidados son a principal razón pola que as mulleres elixan máis as xornadas a tempo parcial que os homes.
No Estado Español hai unha grande diferenza entre homes e mulleres neste aspecto. Hai 1.941.000 mulleres traballando a tempo parcial contra 712.900 homes, isto é por razóns de precariedade laboral, claro, pero desas persoas 307.700 mulleres teñen que traballar deste xeito para dedicarse a cuidados contra 19.800 homes.Tamén son as mulleres quen mais excedencias teñen que pedir para dedicarse a coidados, 90,95% frente a 9,1% dos homes. Moito camiño por percorrer aínda cara a igualdade.
Por unha sociedade solidaria e igualitaria que garanta os coidados ás persoas con diversidade funcional, por unha sociedade que avance cara a verdadeira igualdade, apoiamos a loita das mulleres este 8 de marzo e todos os días do ano.

miércoles, 2 de febrero de 2022

ASEMBLEA XERAL ANUAL DE PERSOAS SOCIAS DE ASPANEMI

O vindeiro día venres 25 de febreiro ás 19,30 horas en primeira convocatoria, ou as 20,30h en segunda, terá lugar a Asemblea xeral anual de ASPANEMI



martes, 1 de febrero de 2022

ASPANEMI REÚNESE COA XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL

Na reunión, as representantes de ASPANEMI solicitaron que se lle dese importancia ás reclamacións, sobre todo referentes á parte de humanización, das súas socias e socios, có fin de que non se repitan comunicacións e tratos pouco respectuosos e humanizados tanto no momento do parto como posteriormente. De novo solicitaron un traballo multidisciplinar e coordinado na área de Atención Temperá, unha derivación posterior que lle dea continuidade a esa rehabilitación e unha zona de estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida. E incidiron na importancia que ten, en tódolos casos, pero con especial incidencia nas familias con nenxs con diversidade o pel con pel inmediato e ininterrompido, a prioridade da lactación materna e neste sentido a axilidade có banco de leite, que se cumpran os protocolos establecidos da UCIN para que o método canguro e a lactación materna sexan unha realidade, que exista información sobre posibilidades de terapia familiar e que se establezan vías de comunicación neste sentido.
Esta reunión non é excepcional, posto que se producen con certa frecuencia. Neste sentido ASPANEMI sempre foi ben recibida e síntese libre e atendida para facer a exposición de tódalas reclamacións que lle chegan, sexan puntuais ou de procesos que se repiten. Unha das necesidades que sempre se repiten, reunión tras reunión, é a de Atención Temperá, xa que ASPANEMI considera básico o traballo dun equipo coordinado de diferentes especialidades no que o fluxo de información e o tipo de comunicación sexa sempre dende o acompañamento á familia en conxunto. Feito este que evitaría ou mitigaría danos posteriores traducidos en dós non resoltos, trastornos de estrés postraumáticos, depresións, ansiedades...