SOLICITUDE DE BAMBÁNS ADAPTADOS AO CONCELLO DE NARÓN
Na mañá do día de hoxe, a nosa presidenta, Dna. Montserrat Fraga, presentou no nome da asociación un escrito no rexistro municipal do Concello de Narón no que se solicita a adquisición e instalación de bambáns adaptados para nenos e nenas con discapacidade nos parques infantís ubicados no concello.
A nosa entidade, caracterizada dende a súa creación pola defensa da plena integración das persoas con diversidade funcional na vida cotiá da cidadanía, entende que absolutamente todos os nosos pequenos teñen dereito por igual a ter un tempo de ocio nas mellores condicións posibles que garantan a súa saúde e benestar físico, tempo de lecer que teñen que disfrutar cos seus iguais, potenciando desta maneira a inclusión social e fomentando un axeitado desenvolvemento psicosocial na etapa infantil tanto do colectivo de nenos e nenas con discapacidade (relación cos demais, fomento de patróns de conduta en grupo, enriquecemento da linguaxe, a comunicación, a autoestima...) como do colectivo de nenos e nenas que non teñen estas dificultades (toma de conciencia efectiva de que hai persoas, totalmente válidas, que teñen outras necesidades e capacidades, que existe unha diversidade funcional).
Adxuntando dita solicitude, presentouse tamén documentación gráfica sobre diferentes tipos de bambáns adaptados segundo sexan as necesidades concretas das persoas usuarias dos mesmos.